- A sexta edición desenvolverase en maio, e xa se baralla realizar a sétima no mes de outubro
Volve a sexta edición de Malpica sabe a mar tras dous anos de pandemia. A concellaría de Promoción Económica e os hostaleiros do municipio mantiveron unha xuntanza para poñer en funcionamento unha convocatoria que «será a de maior participación de locais», sinalan desde ambas entidades, e que previsiblemente se celebrará no mes de maio. Ademais, desde o Concello destacan que «dada a boa resposta de todos os participantes estase a traballar na sétima edición para o mes de outubro».
Malpica sabe a mar naceu no 2016 para enlazar tres sectores fundamentais da economía local: a pesca, a hostalaría e a olaría.
Por outra banda, a concellaría de Promoción Económica tamén traballa nunha nova campaña co sector da alimentación para o impulso do comercio en todas as súas vertentes.
Obradoiro de barro en Semana Santa
As nenas e nenos de entre 3 e 12 anos terán a oportunidade de achegarse ao mundo do modelado do barro no Ecomuseo Forno do Forte. A actividade desenvolverase os días 14 e 16 deste mes, de 16:30 a 18:30 horas, coincidindo coas vacacións de Semana Santa.