O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, admitiu que vai un pouco xusto para o San Xoán, xa que faltan pouco máis de vinte días, pero confirmou que este ano si se poderán celebrar as tradicionais cacharelas.
«Posiblemente as cacharelas, tal como as coñecemos de modo tradicional non poidan ser, pero en formatos reducidos, en formatos máis cativos, obviamente cunhas certas medidas e sobre todo coa responsabilidade das persoas si se poderán facer, se os concellos as autorizan», asegurou o conselleiro de Cultura.
Tamén se están ultimando os detalles para as probas piloto o 19 de xuño de festas e verbenas. O conselleiro non quixo adiantar que espectáculos e que orquestras van participar nestes ensaios. Cabe destacar a importancia destas festas e verbenas, das que viven unhas 5.000 familias en Galicia, polo que se pide responsabilidade non só aos asistentes, tamén aos organizadores e promotores.