No 2024 volverán os cursos de poda, unha actividade con moita demanda que se leva a cabo aproveitando a época idónea para poñer a punto as plantacións domésticas. Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Carballo e o centro especial de emprego Dixardín colaboran para seguir fomentando unha xestión axeitada dos recursos naturais.
Para intentar chegar a todos os recunchos do territorio municipal, os cursos son itinerantes. Nas dúas primeiras edicións celebráronse en Verdillo, Outón (Rus), Artes, San Miguel de Vilela e Sísamo, e este ano serán en Entrecruces, Imende (Noicela) e Cances, co seguinte calendario:
- 20 de xaneiro: Entrecruces
- 27 de xaneiro: Imende (Noicela)
- 3 de febreiro: Cances
Os cursos realizaranse de 10.00 a 13.00 horas. As prazas son limitadas, e outorgaranse por orde de solicitude. Para inscribirse é preciso enviar un documento cuberto por correo electrónico a comunicacion@carballo.gal. Só se admitirán solicitudes a partir do 2 e ata o 16 de xaneiro. Ás persoas admitidas enviaráselles un correo electrónico de confirmación a partir do 17 de xaneiro no que tamén se lles indicará o lugar concreto de celebración da actividade. Desde o Concello de Carballo agradecen a colaboración da Asociación de Veciños San Xens de Entrecruces, o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos e a Asociación Cultural San Campio de Cances.
Os cursos de poda enmárcanse no programa medioambiental Catro estacións, promovido polo Concello de Carballo coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín, e vinculado á creación e mellora das zonas verdes e arboradas e dos espazos axardinados do concello. O principal obxectivo é implicar á veciñanza na conservación dos espazos públicos a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da riqueza de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polas zonas verdes como bens comunitarios.