Volven os Venres Teatrais á Laracha

Imagen de una obra de teatro en A Laracha_Concello

  • As obras terán lugar na Casa da Cultura, ás 21:00 horas, e a entrada será de balde ata completar o aforo

As artes escénicas regresan á capital municipal da Laracha coa organización dunha nova edición dos Venres Teatrais, unha das citas culturais de referencia dentro da programación anual organizada polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. O ciclo constará de cinco das pezas máis importantes neste momento no panorama galego, que se interpretarán no escenario da Casa da Cultura a partir das 21:00 horas.

A primeira función será este venres, 29 de outubro, con Libre como os paxaros, un espectáculo sobre a figura, o pensamento e a obra literaria da escritora galega Rosalía de Castro que ademais percorre os acontecementos sociais máis importantes da época. Producida por Teatro do Atlántico, a obra vai dirixida a todos os públicos.

O venres 5 de novembro será a quenda de Running, unha comedia de De Ste Xeito Producións dirixida por Esther Carrodeaguas e escenificada polos actores Sergio Macías e Stephy Llaryora, que entre os dous dan vida a un total de vinte personaxes.

Unha semana máis tarde, o venres 12, os coñecidos actores Luis Iglesia e Marcos Orsi chegan á Laracha co seu último espectáculo Conexión Pingüín, dirixida ao público adulto e producida por Culturactiva.

A penúltima cita, o venres 19 de novembro, tamén será unha comedia para o público adulto. Trátase de Castrapo, producida por Náufragos Teatro e cun elenco formado por Denis Gómez, Victoria Teijeiro e Gustavo del Río. Conta a historia dun escritor galego emigrado a Madrid que regresa á terra tras o falecemento do seu pai, atopándose nesa viaxe co seu pasado e a necesidade da procura das súas raíces.

O ciclo pecharase o venres 26 con Comando Comadres, un espectáculo en clave de humor para público adolescente e adulto no que un grupo de activistas organizadas en diferentes comandos poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal. A montaxe está producida por Matrioshka Teatro e escenificada polas actrices Anabell Gago, Chelo do Rejo e María Ángeles Iglesias.

En todas as funcións o acceso do público será gratuíto ata completar o aforo máximo da sala, que actualmente é do 90% da súa capacidade. Os asistentes deberán usar a máscara sanitaria durante todo o espectáculo.