A media tarde deste mércores a directiva do Deportivo e a do Bergantiños chegaron a un acordo para que o partido de Copa co Sevilla se celebre en Riazor o día 18, con 8.000 prazas habilitadas. O encontro será ás seis da tarde. Dez e quince euros o prezo das localidades. Dez para os socios do Bergantiños.
Ás xogadoras e xogadores da canteira serán convidados de excepción, convite que se estende ás categorías de base da SD SOFAN, coas que o Bergan manten un produtivo convenio de colaboración, e ao centro Aspaber.
A Copa converteuse nun regalo envelenado para o Bergantiños. O Sevilla non vai xogar nas Eiroas, iso está claro. Pero, a federación española de fútbol emitiu na tarde deste martes un comunicado no que lle dá 4 opcións ó Bergantiños e 24 horas para responder.
Primeiro descarta o Sánchez Pizjuán porque di que sería adulterar a competición ao non cumprirse o criterio de proximidade. A continuación informa de que a propia Federación se puxo en contacto co Deportivo para solicitarlle as súas intalacións, e que xenerosamente, di a Federación, ofrecen Abegondo, que cumpre os requisitos e tamén Riazor, que tería un custo econónico. E que en todo caso, para preservar o céspede do Deportivo sería preferible Abegondo. Tamén aceptarían o estadio Vero Boquete en Santiago e a Malata en Ferrol.
Apenas unha hora antes de emitise o comunicado o presidente do Bergantiños apuntaba a Santiago.
Sería o desprazamento máis longo dos nove equipos modestos que non van xogar no seu campo. Fóra das Eiroas a preferencia sempre foi Riazor. Chano Calvo, presidente do Bergantiños: «A Coruña é máis cómodo para os nosos afeccionados»