A coordinadora municipal de VOX A Coruña, Eva Castro Caridad, asegurou que “os coruñeses están a ser vítimas da nefasta xestión do goberno bipartito PSOE-a Marea”, en alusión á emerxencia sanitaria declarada na cidade polo lixo acumulado e polos problemas na negociación do convenio colectivo dos traballadores do Servizo de Recollida.
Castro cualificou esta situación de “emerxencia sanitaria”, xa que as rúas da Coruña “están cheas de lixo”. Ademais, instou á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a que “se desconte do recibo do lixo os días de folga no próximo recibo” para que os cidadáns “non teñan que pagar a inoperancia e ineficacia dun goberno desnortado”.
Así, a coordinadora lembrou que a alcaldesa tivese que recorrer aos servizos dunha terceira empresa para solucionar os problemas de recollida de lixo na Coruña, o cal é “inaudito”, dixo. “Do mesmo xeito que a Rexedora Municipal anunciou que o custo da contratación desta empresa ía ser descontado á empresa concesionaria do servizo” tamén, engade Castro, “deberíase de deducir o custo proporcional do recibo do lixo que pagamos todos os coruñeses”.
Por todo este asunto, Castro insta o Goberno Municipal a chegar a un acordo “de forma inmediata” coa empresa concesionaria do servizo para “evitar que os cidadáns volvan convivir coas rúas repletas de lixo e con malos cheiros que, ademais de ser un potencial perigo para a saúde, dana a imaxe da cidade”.
“A situación actual na cidade denota a falta de autoridade por parte do Goberno Municipal”, xa que “é incapaz de controlar as empresas que eles mesmos contratan” concluíu Eva Castro.