VOX A Coruña denuncia que o Goberno Municipal coruñés (PSOE-A Marea) constituíse unha comisión técnica para o desenvolvemento da Empresa Municipal da Enerxía, afirman, ‘con nocturnidade e aleivosía’, sen aviso previo e en plena Semana Santa.
A coordinadora local de VOX A Coruña, Eva Castro Caridad, asegurou que “o bipartito coruñés está a seguir os ‘nefastos’ pasos de Colau en Barcelona ou de Kichi en Cádiz, coa creación de “un chiringuito municipal sen competencias reais e que só servirá para malgastar o diñeiro público dos coruñeses».
Ademais, para VOX é pouco ético que o presidente da Empresa Municipal da Enerxía sexa o socialista José Manuel Lage Tuñas, concelleiro de Economía e Facenda e actual conselleiro da empresa NEGDIA Galicia S.A. do grupo NATURGY. É por iso que Castro Caridad indicou que “o Goberno Municipal debería de exporse a un posible conflito de intereses ao ostentar ambos os cargos”.
Neste sentido, VOX A Coruña xa denunciou hai dúas semanas, nas alegacións presentadas aos Orzamentos Municipais da cidade herculina, os problemas técnicos e xurídicos que presenta a creación dunha Empresa Municipal de Enerxía, “e máis tendo en conta que as corporacións locais non teñen competencia algunha sobre este asunto”.
Por outra banda, na ‘escasa’ información dispoñible na páxina web do Concello, afírmase ademais que a Empresa Municipal de Enerxía conta co apoio das Universidades da Coruña (UdC) e Santiago de Compostela. Con todo, en realidade, trátase da “Cátedra de Dereito local”, un organismo creado pola Deputación da Coruña e a UdC “cun marcado perfil político, que nada ten que ver co sector enerxético”, advertiu Castro.
Por todo este asunto, “é lamentable que os partidos da oposición, PP E BNG, garden silencio ante este novo atropelo aos cidadáns, e que só sexa VOX quen levante a voz para denuncialo”, sentenciou Eva Castro Caridad.