VOX Coruña oponse ao traspaso das competencias de Tráfico a Galicia

1 minutes read

O Parlamento de Galicia admitiu a trámite unha proposición do BNG para reclamar ao Estado as competencias de Tráfico nesta comunidade autónoma. A proposta, que se aprobou coa abstención do PP, partido que conta con maioría absoluta no Parlamento de Galicia e puido botar abaixo a proposta do Bloque Nacionalista Galego, supón o primeiro paso para crear unha Policía de Galicia que releve á Garda Civil no control de estradas. Isto é, sen dúbida, unha das vellas aspiracións do nacionalismo que agora parece facer súa o partido de Feijóo.
VOX A Coruña quixo mostrar a súa indignación ante este posible traspaso de competencias. Xa que, despois das reunións que mantiveron con diferentes asociacións de gardas civís, destacaron que “isto supoñería a expulsión de 950 gardas civís e das súas familias de Galicia e, ademais, abriría de facto as portas para a saída de toda a Garda Civil da nosa rexión, como xa pasou en Cataluña durante o primeiro goberno de Aznar”, lamentaron desde a Xestora.

Desde VOX A Coruña quixeron sinalar que “a Garda Civil é unha das institucións máis valoradas e queridas en Galicia e está perfectamente adaptada á nosa comunidade. Ademais os seus efectivos coñecen e traballan nas nosas estradas de forma moi satisfactoria”. É por iso, que “o traspaso de competencias soamente obedece aos intereses políticos dos socios galegos de Bildu, abrazados agora por PSOE e PP, e ao odio visceral do separatismo máis rancio cara ás nosas institucións e cara a todo o que nos une co resto de España”, explicaron.
VOX A Coruña quixo destacar que sempre apoiará aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Por ese motivo, a formación verde opoñerase en todas as instancias ao desmantelamento das institucións máis apreciadas polos galegos.