O equipo provincial de Vox A Coruña insta o Goberno central e á Xunta de Galicia a “tomar medidas de inmediato” ante os datos que apuntan a un “alarmante aumento da delincuencia na cidade”.
O presidente de VOX A Coruña, Miguel Ángel Fernández, reuniuse co secretario Xeral de JUPOL Galicia, Miguel Díz, para repasar a situación de inseguridade que sofre a cidade.
Tras o encontro, Fernández denunciou “a falta de medios e efectivos na Policía Nacional”, algo que “se fai evidente en todas as comisarías da provincia”. «É totalmente inadmisible que nunha cidade como A Coruña só haxa dous coches patrulla as fins de semana, cando todas as estatísticas mostran un aumento de criminalidade e delincuencia”, criticou.
Pola súa banda, a coordinadora provincial de VOX, Eva Castro, referiuse a un tema que, “en Galicia, é tabú” e que “o Goberno esconde”: o aumento da delincuencia e a súa relación coa inmigración ilegal”.
Por outra banda, trasladouse a JUPOL a proposta de VOX de suprimir a Policía Autonómica e integrala na Policía Nacional. O vicepresidente provincial de VOX, Juan Garcilaso de la Vega, considerou que “non ten sentido manter unha Policía Autonómica ligada á Xunta de Galicia, pero adscrita á Nacional, sen competencias claras obedecendo ás directrices do goberno rexional de quenda”.
“A Policía Autonómica creouse polo capricho de certos políticos sen ningún sentido nin criterio concreto”, puntualizou de la Vega.
O equipo provincial comprometeuse a trasladar todas estas problemáticas ao Grupo Parlamentario VOX no Congreso. “A Coruña non pode seguir nesta situación de abandono coa permisividade das administracións competentes”, advertiu o vicepresidente da formación na Coruña.