O coordinador de VOX en Oleiros, Óscar Rodríguez Piñeiro, presentou un escrito no Concello, no que insta o Goberno municipal a explicar se ten previsto aplicar algún tipo de bonificación nos impostos municipais pola instalación de paneis solares e fotovoltaicos, para o aproveitamento de enerxía solar en edificacións, construcións ou terreos. No caso de que xa exista algunha previsión respecto diso, o coordinador local de VOX pediu “que se concreten os prazos e, de non existir tal previsión, que se expliquen os motivos”.
Segundo Rodríguez Piñeiro, “a instalación de sistemas de xeración de electricidade en vivendas e negocios dota ao consumidor dun maior control do seu consumo eléctrico”. Así, “o aforro prodúcese tanto en enerxía convencional -que non se demanda á rede- como na compensación dos excedentes de produción”, sinalou. Neste sentido, o coordinador de VOX en Oleiros, asegurou que “moitos concellos xa puxeron en marcha incentivos e axudas para a xeración doméstica de enerxía fotovoltaica”. Unhas medidas que “se concretaron en bonificacións no Imposto de Bens Inmobles (IBI) e no imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO)”.
Finalmente, Rodríguez Piñeiro fixo fincapé na necesidade de que “o noso sistema se dirixa a alcanzar a súa propia soberanía enerxética”. Desta forma “os modelos de autogxeración de enerxía convértense nun elemento moi interesante para lograla”, concluíu.