O coordinador de VOX Malpica, Javier Ferreiro, cualificou este luns de “inadmisible” e un “despropósito” que o Concello cobrase este mes o recibo da auga aos veciños, a pesar de que catro parroquias enteiras seguen sen poder consumila desde fai seis semanas. Ferreiro denunciou que o Goberno municipal haxa rexeitado a medida que presentou VOX ante rexistro o pasado 12 de setembro, onde solicitou a exención do pago do recibo da auga aos veciños afectados ou o desconto proporcional dos días sen subministración. E é que, segundo o coordinador local de VOX, as medidas provisionais adoptadas polo Equipo de Goberno de Malpica son “insuficientes”, xa que, entre outros problemas, “están a producirse atrasos na repartición de auga embotellada e non existe un sistema de información efectivo, para comunicar aos veciños os cambios na subministración de auga potable”. Ademais, VOX Malpica tamén denunciou “a falta de atención ás persoas maiores, especialmente ás afectadas por esta situación, dado que non dispoñen de vehículo para recoller a auga e teñen problemas para informarse dos horarios de repartición”. Para o coordinador local de VOX “a crise da auga que vivimos no municipio demostra a falta de capacidade do Goberno municipal para xestionar os problemas reais dos veciños”, resolveu.
35