VOX protesta en Ribeira contra o novo Regulamento de Control Pesqueiro da UE

Cedida.

O Vicepresidente de Acción Política e Eurodeputado de VOX, Jorge Buxadé, acompañado polos deputados nacionais; Rubén Darío Vega e José María Sánchez, participaron este venres na concentración de embarcacións na boca do Porto de Ribeira contra a recente aprobación dun novo Regulamento de Control Pesqueiro en Bruxelas.

Ademais, os representantes de VOX reuníronse coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores xunto aos presidentes provinciais de VOX A Coruña; Miguel Ángel Fernández, VOX Pontevedra; Álvaro Diaz-Mella e VOX Lugo; Sonia Teijeiro. Durante o encontro,abordaron diversas cuestións que preocupan aos pescadores galegos. O punto principal foi o Regulamento de Control Pesqueiro da Unión Europea, aprobado o pasado marzo no Parlamento Europeo, e que preocupa de maneira especial ao sector.

Jorge Buxadé expresou a súa preocupación polo novo regulamento que “pon en risco o futuro da pesca artesanal en Galicia”. “Lamentamos que partidos nacionais como PSOE, PP ou Ciudadanos votasen a favor da aprobación do regulamento. Descoñecen a realidade da pesca en Galicia, hai 20.000 familias ás que se pon en risco. Non o podemos permitir”, afirmou.

O vicepresidente de VOX anunciou, ademais, iniciativas parlamentarias no Congreso dos Deputados e o Parlamento Europeo co obxectivo de “non perder o modo tradicional de vida e de explotación de toda unha terra”.

Durante o transcurso da reunión, os representantes de VOX xa mostraron o seu rexeitamento ante este novo regulamento, que consideran “insuficiente para responder as necesidades dun sector que necesita maior competitividade e menos burocracia”, segundo afirmou Miguel Ángel Fernández, Presidente de VOX A Coruña.

Ademais, membros da formación quixeron recalcar a necesidade de proporcionar unha maior flexibilidade á hora de comunicar as capturas en mar, xa que a marxe que existe é do 10% e resulta insuficiente para determinar que está dentro da lei.