O PSOE de Malpica amosa, nun comunicado emitido este martes, a súa sorpresa ante o mantemento das carteiras ao edil non adscrito, segundo indican, anunciadas polo PP. Máis aínda cando ate o de agora, «desde o PP expresaron o seu total rexeitamento ao modelo de xestión nas áreas de Servizos, Agro, Seguridade Cidadá, Medio Rural e Turismo desempeñadas por este concelleiro», en clara alusión a Alfredo Cañizo, pero sen nomealo.
O comunicado socialista prosigue afirmando que o concelleiro non adscrito hai uns días anunciaba que “abandonaba o barco antes de que se afundise”, fito que pon de manifesto «que clase de servidores públicos son os que non queremos á fronte do noso municipio».
O alcalde, Walter Pardo, sinala que “é un total e pleno orgullo representar a Malpica onde nacín e aló por onde vou, onde levo no corazón e por bandeira ao meu pobo, e non penso abandonar o barco ata que así o esixa a lexislación”, insistindo en que “lle debo lealdade á xente que depositou a confianza en min. Non está no meu interior escapar ás primeiras de cambio”.
O rexedor insiste na “imposibilidade” de diálogo durante estes dous anos «cunha persoa que se amosaba altiva, tanto cos seus compañeiros e compañeiras de goberno como co persoal técnico e funcionarial, cuns aires de soberbia e prepotencia impropios dunha persoa que ostenta un cargo público».
“Está a ser un instrumento para que o Partido Popular acade de novo un goberno que tivo que abandonar hai dous anos porque así o quixo o pobo”, denuncian os socialistas de Malpica, que avanzan “tempos moi escuros para o noso municipio de confirmarse a moción de censura que queren executar os que nun pasado xa andaron a tiros”, sentencian.