Nesta 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, a Rúa dos Contos volverá converter bares, cafés e outros espazos cotiáns en escenarios para a palabra, o humor, a improvisación e a retranca, con propostas como ¡Por fin me voy!, a despedida escénica de Carles Sans, fundador de Tricicle, que celebra 45 anos de traxectoria; As ben dadas, de Atenea García, que recupera con humor as historias das disidencias sexuais en Galicia; A historia vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos, unha irreverente viaxe pola representación do corpo feminino ao longo da historia; Pequenos pero faltóns, de Adrián do Regenco e Pablo Alvite, sobre as contradicións da vida cotiá desde a nova retranca galega; e El Famoso Trino, que leva ao escenario a súa sátira viral das falsas noticias. A programación complétase con historias da memoria oral de Galicia da man de Carmen Conde, a poesía acústica con Lúa Mosquetera e o humor imprevisible de Josito Porto, ademais da improvisación de Fábrica de Impro e a sesión musical de DJ Maikel.
Por outra bada, as persoas asociadas da Asociación Telón e Aparte poden mercar xa, tamén desde hoxe luns, 14 de setembro, os seus bonos para o Programa de Sala do #FIOT35.
Mentres, o público xeral, poderá facerse cos seus bonos de Sala a partir deste venres, 18 de setembro, ás 10.00h, momento no que tamén sairán á venda as entradas soltas de Sala e do resto das seccións do festival (OTNI, Fiot en Ruta, etc.).
No programa de Sala do #FIOT35 poderémos gozar con nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Andrés Lima,Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.
