Xa é posible solicitar permiso para a realización das cachelas de San Xoán en Carballo

1 minutes read
  • O prazo remata o 21 deste mes

Carballo quenta motores para as Festas do San Xoán, que este ano volven por todo o alto tras dous anos a medio gas debido á pandemia. Desde o Concello emitiron un bando comunicando as directrices para celebrar a festividade.

Está permitida a realización de cachelas, barbacoas ou similares durante as festas patronais. Aqueles particulares ou establecementos hostaleiros interesados na realización destas actividades na vía pública deberán comunicalo previamente cubrindo o formulario que se atopa na web municipal. A instancia pode presentarse ata o 21 de xuño na Casa do Concello de xeito presencial ou vía electrónica a través de cachelassanxoan@carballo.gal. Os correos electrónicos non recibirán resposta.

En canto á elaboración das cachelas, estas terán que distar un mínimo de 12 metros de edificacións e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión será de 4 metros, cunha altura máxima de 2. Tan só se poderá usar madeira (de calquera clase) para as queimas e quedan prohibidas as lumaradas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.

En caso de emerxencia deberase chamar aos Bombeiros (112 / 981758057), Policía Local (981701722) ou Protección Civil (981 704048).