Xa está aquí o concurso de postais ‘Vive o Nadal en Vimianzo’

PIXABAY

  • Poderá participar toda a rapazada que curse infantil e primaria nos centros da localidade

O concello de Vimianzo convoca o décimo concurso de postais dirixido á rapazada que cursa educación infantil e primaria no municipio. O prazo para participar no ‘Vive o Nadal en Vimianzo’ abrirase este luns e rematará o 13 de decembro.

A técnica será libre exceptuando as purpurinas, algodóns e as tintas metálicas, que non serán admitidos. As dimensións máximas do soporte deberán corresponderse a un folio A4 e tan só se poderá deseñar por unha cara. No reverso da obra deberá indicarse o título do traballo, nome e apelidos do autor ou autora, idade, curso e nome do centro escolar. Non se admitirán traballos que veñan sen asinar ou con datos doutros centros.

Entregaranse dous premios en cada categoría, dun total de catro, consistentes en material didáctico ou libros de lectura. Os traballos deberán ser entregados na Casa da Cultura de Vimianzo de luns a venres de 10:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.

Entre os debuxos premiados o Concello seleccionará a postal de Nadal que se empregará para o cartel das festividades do próximo ano. O fallo do xurado darase a coñecer o 19 de decembro e a entrega de premios realizarase ese mesmo día nun acto público na Casa da Cultura.