Xa está dispoñible na Laracha o parque recreativo para cans

Cedida

  • O Concello investiu 35.000 euros neste novo equipamento público pensado para facilitar o exercicio e as interaccións sociais dos animais

Este venres inaugurouse a nova área de recreo canino da Laracha. O Concello investiu 35.000 euros de fondos propios nestas instalacións públicas que se atopan nunha parcela de 1.300 metros cadrados na confluencia entre as avenidas Manuel Fraga e Bos Aires.

O acceso ao recinto conta con dobre porta e un valado perimetral -co obxectivo de evitar que os cans poidan escapar del-, unha marquesiña con banco, unha ducha de arco, unha fonte de auga potable de dobre uso para persoas e mascotas, un dispensador de bolsas e un contedor de excrementos. O ámbito de esparexemento foi dividido en dous espazos diferenciados e adaptados ás necesidades das diferentes razas de cans polas súas características, condutas e tamaño. Cada un deles dispón de elementos e xogos.

Esta iniciativa foi promovida polo Concello ante o «notable incremento na cifra de cans de compañía existentes nas zonas urbanas» e co obxectivo de que as mascotas teñan á súa disposición un espazo público amplo, seguro e cun equipamento especialmente pensado para elas.