Xa está na rúa o novo calendario do Concello de Carballo


Unha foto da Praza do Concello nun día de feira ilustra a portada, xunto coa seguinte copla: “Fun á feira a Carballo,/raleei ben para min,/para aló me fun solteiro/namoradiño me vin”. No interior, por orde alfabética, van aparecendo imaxes e coplas das 18 parroquias do concello, froito das achegas de Evaristo Domínguez e Ramón Varela. Este último louvou o resultado final e apuntou que habería moitas máis coplas para utilizar, porque “en Carballo hai moito patrimonio inmaterial. Seguramente se tedes algunha persoa maior na casa, coñecerá moitas das coplas”, sinalou. Evaristo Domínguez apuntou que ao longo de 19 anos de traballo conseguiu recompilar máis de 4.000 coplas que lle gustaría ver publicadas. O alcalde, pola súa banda, quixo realizar un recoñecemento “ao traballo de investigación e recollida deste patrimonio inmaterial, un traballo que nos permite seguir tendo viva a memoria”, declarou.