O Ministerio de Sanidade cifrou nuns 120 os casos de coronavirus en España (dous deles xa están curados), os casos «cambian por minutos», aínda que se segue mantendo o nivel 1 de alerta, denominado de contención, non se descarta un cambio de escenario en zonas «moi concretas» da Comunidade de Madrid e do País Vasco.
Así o confirmou este luns o director do Centro de Coordinación Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, tras a reunión diaria do Comité de Avaliación e Seguimento do Coronavirus, que presidiu o ministro de Sanidade, Salvador Illa.
O cambio de escenario nesas zonas «moi concretas», unha vez asumido que non se podería controlar a transmisión, supoñería poñer en marcha medidas que terían un custo económico «importante» como peche de escolas, teletraballo ou controlar a mobilidade, sinalou Simón.
Simón recoñeceu que entre o domingo e o luns houbo un aumento «substancial» de casos ao pasar de 83 casos a ao redor de 120, aínda que os datos «cambian por minutos», o 90 % deles importados.