Xa hai preto de 600 persoas anotadas no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas do Entroido de Carballo

2 minutes read

Unha vez pechado o mércores 11 de febreiro o prazo de inscrición nas categorías de comparsas e carrozas para o Concurso de Entroido de Carballo, xa hai preto de 600 persoas anotadas. O número pode aumentar, porque o prazo nas categorías de grupos, parellas e individual está aberto até o mesmo día do desfile, o domingo 15 de febreiro, na propia Casa do Concello. Este ano está previsto que participen oito carrozas, con preto de 350 persoas, e ata 10 comparsas, con máis de 220 persoas.

O Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Entroido estará presentado pola regueifeira Lupe Blanco, coristanquesa moi vinculada a Carballo e unha das responsables da Escola de regueifa da vila. Comeza ás 18.00 horas e durante o baile posterior (patrocinado pola Concellaría de Terceira Idade coa actuación do Dúo Veneguay) farase a entrega de premios, aproximadamente ás 20.30 horas. Dos máis de 10.000 euros que repartirá o concurso, arredor de 4.500 están destinados a gratificacións para premiar a participación na actividade. Ademais, está previsto repartir ata 17 premios e ata 1.000 euros en accésits.

Promo do Entroido de Carballo 2026.

Condicións meteorolóxicas

Respecto das condicións meteorolóxicas previstas para o domingo, despois de consultar a información sobre a predición específica para Carballo con Meteogalicia, a organización decidiu continuar co desenvolvemento do concurso co ánimo de non alterar os plans das preto de 600 persoas inscritas ata o momento.

A previsión indica que a tarde estará húmida, con choiva intermitente e que a forza do vento non suporá ningún impedimento para que o desfile teña lugar con normalidade. Porén, e dado que si está confirmada a presenza de chuvascos nalgúns momentos, recoméndase a todos e todas as participantes que tomen as medidas oportunas para protexerse da choiva, nomeadamente naqueles momentos de espera previos ao desfile.

Así, recoméndase o uso de chuvasqueiros, paraugas e roupa axeitada. Respecto das carrozas, tamén se recomenda que os e as concursantes usen elementos de protección e que tamén aseguren ben todos os elementos que as compoñen.