O segundo Plan de Rescate da Xunta está dotado con 75 millóns de euros, dos que 60 millóns corresponden á convocatoria publicada este xoves, e 15 millóns á liña específica destinada á hostalaría e negocios pechados. Desde novembro, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao tecido empresarial, posto que o primeiro Plan de Rescate estivo dotado con 86 millóns de euros.
Todas as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700 euros por negocio, e compatibles cos importes recibidos no primeiro plan. Deste xeito, un negocio que se beneficie de ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros.
As persoas traballadoras autónomas e microempresas poderán solicitar os apoios desde mañá venres, e durante o prazo dun mes. Para acceder ás axudas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019.
Autónomos
Para os autónomos establécese unha escala que vai dos 1.200 aos 3.000 euros de axuda directa. As contías serán máis elevadas para os empresarios que teñan máis caídas na facturación. Así, establécese un baremo a partir de 1.200 euros para baixas na facturación de entre o 45% e 60%; 2.000 euros (entre o 60% e o 70%) e de 3.000 euros nos casos máis graves (caída do 70% ou máis).