O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conta cun Punto de Asesoramento ao Emprendedor (PAE) para constituír mediante esta fórmula Sociedades de Responsabilidade Limitada e Sociedades Limitadas Nova Empresa cun capital social a partir de 3.000 euros nun prazo non superior a 48 horas, con tarifas reducidas e evitando desprazamentos e xestións en distintos organismos públicos.
Este servizo do Igape axudou a crear nos últimos meses 10 empresas, todas elas coa figura de Sociedade de Responsabilidade Limitada. O procedemento é telemático, e o emprendedor só ten que acudir presencialmente ao PAE e ao notario, evitando así desprazarse para realizar os trámites restantes, sen necesidade de utilizar formularios en papel e pagando tarifas reducidas. O Igape pon en marcha a tramitación e envía a comunicación da alta censual e a documentación a Facenda, Seguridade Social, Notaría e Rexistro Mercantil.
Toda a información sobre este e outros recursos está accesible na web do Igape. Ademais, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación está a reforzar as vías de comunicación co empresariado e conta co programa de asesoramento gratuíto online Igape Responde.