Xa é posible solicitar o voto por correo para as eleccións autonómicas ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o domingo, 18 de febreiro de 2024, de acordo coa convocatoria publicada este martes no Diario Oficial de Galicia.
Os electores que decidan votar por correo poden solicitar ata o día 8 de febreiro (inclusive) o Certificado da súa inscrición no Censo Electoral da Comunidade Autónoma de Galicia. A obtención deste certificado é requisito imprescindible para poder emitir o voto por correspondencia e pode solicitarse, por vía telemática a través da web www.correos.es ou presencialmente en calquera oficina de Correos de España.
Solicitude de voto por correo telemática
Os electores poden solicitar o seu voto a través da web de Correos (www.correos.es), sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Neste modelo de solicitude, que evita desprazamentos, o interesado debe acreditar a súa identidade mediante sinatura electrónica e aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e).
Correos entregará as solicitudes recibidas nas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral en Galicia, quen enviará aos solicitantes, a partir do 29 de xaneiro de 2024, a documentación necesaria para que poidan exercer o voto por correo. Lémbrase ás persoas que soliciten o voto por correo que esa documentación recibirana na dirección que indiquen na solicitude, que non ten por que coincidir co seu domicilio habitual. O prazo de depósito do voto por correo finalizará o 14 de febreiro de 2024.