Xa se pode solicitar por medios electrónicos o novo Bono Alugueiro Mocidade


Estas subvencións, que se concederán por un período de 2 anos e cun importe de 250 euros —sempre que non supere a contía da renda mensual—, están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso. De igual xeito, deberán acreditar que dispoñen dunha fonte regular de ingresos e estes non poderán superar 3 veces o Iprem, é dicir, 24.318,84 euros anuais. As persoas que reúnan os requisitos económicos, de idade e todos os que se recollen na propia convocatoria poderán solicitar esta subvención, un trámite que terán que facer, obrigatoria e necesariamente, por medios electrónicos. Para isto, os interesados deberán presentar o correspondente formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta, realizar unha serie de declaracións responsables —oito en total— así como cumprimentar os anexos correspondentes e achegar pola mesma vía a correspondente documentación complementaria.