A Xunta vén de abrir a inscrición dalgunhas das actividades que conforman a campaña de verán, que este ano se pon en marcha baixo o lema ‘O verán que mereces’. Xa se pode solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado e, ademais, o DOG publicou a convocatoria dos campamentos de verán para as mozas e mozos de entre 9 e 17 anos, polo que a partir de agora xa se permitirá a recepción de solicitudes.
O programa de actividades, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, porá á disposición da xuventude galega un total de 7.820 prazas, mil máis que o ano pasado. Manteranse as bases do protocolo específico fixado o ano pasado para os campamentos de verán. Deste xeito, continuarase a implantar medidas como a redución do aforo, a incorporación gradual das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.