Os beneficiarios desta axuda autonómica, que ascenden a máis de 66.400 na Comunidade, xa poden consultar os seus datos e a contía da achega que lles corresponde na páxina web da Consellería de Política Social.
O Bono Social Térmico é un programa de axudas destinadas a paliar a pobreza enerxética en fogares que son beneficiarios do Bono Social Eléctrico. A súa finalidade é axudar a afrontar os gastos de calefacción, cociña ou auga quente. A esta achega sumarase o complemento autonómico de carácter extraordinario que complementará o Bono e que ascende a 100 euros.
A contía total da axuda que percibirá cada beneficiario dependerá de se son consumidores vulnerables ou moi vulnerables, así como da zona climática de Galicia onde se resida, e oscilará entre os 228 e os 473 euros. Os beneficiarios non terán que facer, ademais, ningún trámite, agás que na carta personalizada que reciban no seu domicilio se lle indique que fai falla algunha documentación, xa que recibirán o ingreso na súa conta bancaria de forma automática.