Xa se poden solicitar as axudas do programa Renove Electrodomésticos


Os cidadáns interesados en participar no programa Renove Electrodomésticos xa poden solicitar estas axudas coas que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pretende chegar a 20.000 fogares.

O programa Renove Electrodomésticos está dirixido a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.

As axudas, ás que se destinan un total de 3M€ –o que supón un incremento do 70% con respecto á convocatoria anterior en 2020–, serán de concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras –das que xa hai preto de 400 adheridas e que poden seguir solicitando a súa participación ata o 30 de xuño– e presentaranse por medios electrónicos.

Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Deste xeito, prestarase especial atención ás familias vulnerables. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos.