Xa se poden solicitar as axudas para compensar os danos causados polo xabaril e o lobo

1 minutes read

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de convocar dúas ordes de axudas para paliar os danos producidos polo lobo sobre o gando e para compensar os danos causados polo xabaril nos cultivos agrícolas. Todos os interesados nalgunha destas liñas de subvención, que suman máis de dous millóns de euros, xa poden presentar as súas solicitudes en caso de que os danos foran comunicados dentro do período fixado en cada unha das ordes. Tendo en conta o orzamento dispoñible e o resultado das convocatorias anteriores, estímase que en 2021 poderán beneficiarse de ambas ordes de axudas arredor de 2.300 titulares de explotacións gandeiras e persoas que sufran danos nos seus cultivos agrícolas. As contías concedidas variarán en función das especies afectadas e dos tramos de idade, oscilando entre os 26 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de entre dous e seis anos de idade.