Xa se poden solicitar os cursos de vela e windsurf da Deputación para Ponteceso e Dumbría

1 minutes read

A deputada responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, anunciou que este 1 de xuño abre o prazo de inscición para aos cursos de vela e windsurf que a Deputación da Coruña organizará este verán en Cariño, Mugardos, Pontedeume, Ponteceso, Dumbría e Rianxo e nos que poderán aprender a navegar 240 nenas e nenos da provincia.

Os cursos desenvolveranse entre o 5 de xullo e o 13 de agosto e nos mesmos poderán participar rapaces e rapazas entre os 9 e os 18 anos pertencentes ao ámbito comarcal de cada un dos concellos que serán sede da actividade.

Os cursos terán unha duración de cinco días en grupos de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas), e nos mesmos realizarase unha iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como un curso básico de windsurf.

A cota de inscrición é de 25 euros. Nos concellos deberá presentarse certificado de empadroamento, ficha de inscrición cuberta pola nai, pai ou titor do/a persoa solicitante, fotocopia do DNI ou libro de familia, copia do aboamento da cota de inscrición (unha vez confirmada a praza por parte do concello) e, no caso de tratamento médico ou doenza, entregarase tamén xustificante médico asinado polo facultativo.