Xa se vacina contra a Covid en Galicia


As primeiras 500 doses da vacina de Pfizer chegaban este domingo á residencia de maiores Porta do Camiño en Santiago de Compostela. Ás dez da mañá entraban no almacén dunha empresa que dispón do sistema de conxelación necesario para a súa conservación en frío. Acto seguido a santiaguesa Nieves Cabo, de 82 anos, foi a primeira galega en recibir a vacina contra a covid-19. O segundo vacinado foi José Antonio Arcay, do servizo de cociña desta residencia. Quedan vacinadas 250 persoas, dado que cómpre administrar dúas doses da vacina a cada un dos pacientes prioritarios. Este luns recibiranse outras 18.000 doses para completar a primeira entrega semanal do Goberno central. O martes será cando se realice a vacinación de maneira simultánea en residencias das sete áreas sanitarias galegas.