Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán na XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas

Xabier Díaz, en el centro_Concello de Camariñas

  • Será o sábado 16 de abril, ás 22:00 horas, na Praza do Mercado

O recoñecido pandeireteiro galego Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre serán os protagonista do concerto XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que se celebrará o sábado 16 de abril, ás 22:00 horas, na Praza do Mercado da vila.

O artista estivo este mércores no Museo do Encaixe coa alcaldesa, Sandra Ínsua; a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, e os concelleiros Sergio Caamaño e Begoña Tajes para formalizar esta actuación, que ademais irá acompañada cun pequeno adianto do seu repertorio sobre a pasarela.

Esta será a primeira actuación ao aire libre deste ano 2022 para Xabier Díaz, que continúa así coa xira de presentación de As Catedrais silenciadas, o terceiro e máis recente traballo coas Adufeiras de Salitre. Trátase dun álbum que reflexiona sobre o despoboamento, o abandono do rural e o risco de perdermos a identidade e a cultura propias nunha sociedade como a galega.