Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre animarán a Feira das Cereixas de Paiosaco

PIXABAY

  • O concerto está programado para o domingo 4 de xullo a partir das 22:00 horas

A Feira das Cereixas de Paiosaco, declarada de Interese Turístico de Galicia, celébrase cada primeiro domingo de verán e este ano recae no 4 de xullo. Sendo unha das festas gastronómicas máis importantes da Laracha, desde o Concello dispuxeron de varias actuacións musicais para animar a celebración.

Durante a mañá a actividade comercial habitual estará animada pola presenza dunha charanga, se ben para a noite está programado un concerto de música tradicional galega onde actuarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. O evento, programado para as 22:00 horas, terá lugar no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco «co propósito de controlar dun xeito óptimo os accesos», destacan desde o Consistorio.

As entradas serán de balde. Para poder asistir como público o Concello habilitará este martes 22 un formulario de inscrición na web municipal dando a opción de anotarse unha única persoa ou un grupo de convivintes (máximo de seis) para poder sentarse xuntos.

A actuación levarase a cabo tendo en conta a normativa sanitaria, polo que podería haber cambios nas condicións de celebración.