Xabier P. Igrexas: ‘Imos empurrar o proxecto do BNG para resetear Vigo en positivo’


O Bloque Nacionalista vén de constituír e poñer en marcha a súa Comisión Electoral en Vigo. Cando restan 175 días para as eleccións municipais de maio de 2023, a fronte nacionalista xa iniciou o traballo de definición das súas liñas estratéxicas e a planificación dunha precampaña “expansiva, a pé de rúa e centrada en presentar alternativas”.

O actual portavoz municipal e candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, chamou a “empurrar desde abaixo e cun sorriso o proxecto co que o BNG queremos resetear Vigo en positivo”. “Fronte a quen só ofrece máis do mesmo, a quen instalou a cidade nunha inercia paralizante e nos quere reducir a un parque temático, o BNG imos dedicar todos os esforzos a explicar as nosas propostas coas que darlle un novo impulso a Vigo, falando do que de verdade lle importa e preocupa ás viguesas e aos vigueses. Fronte a política gris cemento, que está deixando a cidade atrás, nós apostamos nun verde de futuro para levar Vigo máis alá”, explicou.