Con máis de 12.000 m² de superficie e preto de 300 expositores, Xantar é a única feira de turismo gastronómico acreditada da Península Ibérica. Conta con representación dunha decena de países e Galicia participa na edición deste ano a través das consellerías de Cultura e Turismo, Medio Rural e do Mar. No caso da primeira, hai un expositor propio de 24m² para promover a imaxe de Galicia e así reforzar a promoción e consolidación dos produtos turísticos na nosa Comunidade, entre os que salienta o turismo gastronómico.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou este mércores na inauguración da XXI edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que se celebra na cidade de Ourense ata o vindeiro domingo, día 9.
A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, conta cun posto onde están presentes 14 entidades agroalimentarias e no que se desenvolve un amplo programa de actividades e eventos nos que se poden coñecer e degustar produtos galegos con selos de calidade como o mel, carnes, augardentes, produtos ecolóxicos, pan, patacas, grelos, queixos e castañas. Tamén se promociona a marca de garantía Galega 100%, que distingue ao leite de calidade diferenciada producido en Galicia, cun espazo expositivo propio.
Pola súa parte, a Consellería do Mar está presente neste certame cun posto de 48 metros cadrados para enxalzar a variedade e calidade dos produtos que ofrece o mar de Galicia. Con ese obxectivo tamén se celebran numerosas degustacións de receitas elaboradas por relevantes cociñeiros da gastronomía galega coas que dar a coñecer as especiais características dos peixes e mariscos galegos.