Xantar Ourense acolleu o Día da provincia da Coruña

Colaboración entre as distintas administracións para «construír destinos turísticos competitivos e sustentables, e un futuro próspero para o sector tanto na provincia como en todo o país». Estas foron parte das verbas postas en valor polo vicepresidente provincial e deputado de Turismo, Xosé Regueira, este xoves no Salón Gastronómico Xantar, en Ourense.

Regueira participou nunha mesa de intervencións con motivo do Día da provincia da Coruña, na que tamén estiveron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martíns, o presidente da Cámara de Vila Real, Rui Jorge Cordeiro, o presidente da Federación de Cofradías Gastronómicas, Juan Manuel Garmendia, e o director de Xantar, Rogelio Martínez.

Os cociñeiros Javi Freijeiro e Moncho Bargo do restaurante Pracer da Coruña e membros da Asociación Coruña Cociña foron os encargados do showcooking no stand da Deputación, que se enmarcou na presentación do receitario «A mesa do noroeste. Un percorrido pola provincia a través da súa gastronomía» editado pola Deputación e realizado en colaboración coa Asociación Coruña Cociña, levantou unha gran expectación e congregou numeroso público, prensa especializada e bloggers no stand provincial.

O receitario, que se pode descargar a través dun código QR e que estará dispoñible en papel a partires da vindeira semana, relaciona 14 produtos da horta e do mar caracterísicos de diferentes puntos da provincia (como o tomate negro de Santiago, o requeixo da Capela ou os percebes do Roncudo) con receitas elaboradas por outros tantos cociñeiros e cociñeiras.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha