Ambos asinaron este luns un convenio de colaboración para poñer en marcha o programa “Conectando Corazóns”, unha iniciativa social destinada a combater a soidade non desexada e o illamento social no municipio. O acordo foi rubricado no salón de plenos vimiancés pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a CEO de Xeal, María Couto.
“Conectando Corazóns” busca promover a atención inmediata, o acompañamento social e o desenvolvemento de actividades comunitarias dirixidas a persoas que se atopen en situación de soidade, especialmente en zonas rurais e con poboación envellecida.
A CEO de XEAL, María Couto, destacou que “esta colaboración enmárcase na nosa política de responsabilidade social corporativa e criterios ASG (ambientais, sociais e de gobernanza), en liña co noso compromiso firme coa comarca e coas institucións que traballan por mellorar a calidade de vida dos seus habitantes”. O acordo reforza así o compromiso da compañía coa súa contorna e cos colectivos máis vulnerables.
Para a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, este convenio “é unha mostra de como a colaboración público-privada pode dar resposta a retos sociais reais. A loita contra a soidade é unha prioridade para este goberno local, e con esta iniciativa damos un paso adiante na construción dunha sociedade máis xusta, próxima e humana”. A rexedora engadiu o agradecemento “a todo o departamento de Servizos Sociais municipais, polo seu gran traballo para acadar un convenio que é froito da vontade, vocación e corazón”.
Este programa representa unha oportunidade real para atender unha necesidade crecente na sociedade actual: a de combater o illamento social. “Conectando Corazóns” suporá un impulso significativo na promoción do benestar emocional de persoas maiores e colectivos vulnerables, facilitando unha detección rápida de situacións de vulnerabilidade ou deterioración da saúde, permitindo activar recursos sociais ou sanitarios antes de que se agraven. É unha ferramenta clave para a intervención preventiva e a coordinación entre servizos sociais e sanitarios.