Bo resultado o conseguido este pasado sábado na localidade asturiana de Pravia, onde acudían Xesús Ferreiro e Xavier Anido para participar no Rallye de Asturias Histórico, puntuable para o Europeo FIA da modalidade e tamén para o Campionato de España de Rallyes de Vehículos Históricos. A choiva e o tempo desapracible marcaron a primeira xornada do venres na que se disputaban catro especiais. Ferreiro e Anido comezaban moi ben logrando co seu Ford Escort RS 1800 o segundo mellor tempo nas dous especiais do primeiro bucle tras o italiano ‘Zippo’, o gran favorito. Con todo no terceiro tramo o piloto de Melide íase un pouco longo nunha curva e danaba unha lamia contra un bordo, cedendo case dous minutos e calquera opción de tentar conseguir a vitoria a non ser que “Zippo” cometese un erro. O sábado, xa con mellores condicións e o asfalto seco, Ferreiro e Anido conseguían realizar no primeiro dos seis tramos desta segunda etapa o mellor tempo absoluto, o único que non conseguiría ‘Zippo’, que terminaba sendo o gañador seguido polo dúo galego, facéndose así Xesús Ferreiro e Xavier Anido coa segunda posición absoluta do Europeo FIA ademais de gañar na correspondente ao Campionato de España e á categoría Pre81. O piloto de Melide comentaba ao finalizar que “o erro do venres condicionounos porque tampouco paramos a cambiar a roda. De fronte ao sábado tentamos manter o ritmo do día anterior por se ‘Zippo’ fallaba, o que non ocorrería. A nosa próxima cita será o Rallye Rías Altas na Coruña, unha proba que nos gusta moito xa que a gañamos varias veces e que se disputará os días 7 e 8 de outubro”.
40