A Cidade da Cultura celebrou esta fin de semana unha xincana para familias co obxecto de darlles a coñecer de xeito divertido a Vía da Prata, ruta do Camiño de Santiago que transcorre paralela ao Monte Gaiás, xa que entra a Santiago polo barrio compostelán de Sar.
Un total de 16 familias inscribíronse nesta actividade na que se propón superar en equipo divertidas e enxeñosas probas, vencelladas con xogos tradicionais e populares de seis das localidades polas que discorre esta Ruta Xacobea ata chegar a Santiago: A Gudiña, Laza, Vilar de barrio, Ourense, Cea e Bendoiro. Deste xeito, oito familias foron as primeiras en participar en equipos de non máis de catro persoas −pola situación actual da pandemia− para ir superando retos, como resolver a construción dun dolmen ou saír vitoriosos de xogos tan populares, como o tiralatas ou o metediscos. Así, ademais de ir avanzando nas etapas, descubriron actividades de lecer tradicionais, que lles pode interesar incorporar ao tempo compartido en familia.