Xoaquín Fernández Leiceaga será senador

1 minutes read

O que fora candidato socialista á Presidencia da Xunta en 2016 e que actualmente ostenta a portavocía parlamentaria do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, deixará a cámara galega para ocupar un escano no Senado por designación autonómica.  Así o anunciaron este martes o propio Leiceaga e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

O escano que deixa o que tamén fora un dos principais colaboradores do ex-presidente Emilio Pérez Touriño e candidato á Xunta na autonómicas de 2016 poderá ser ocupado pola secretaria xeral da agrupación socialista de Camariñas, Encarna Liñeiro Pouso. En concreto, esta socialista da Costa da Morte ocupou o número 8 da lista pola Coruña que o PSdeG presentou para as eleccións autonómicas de 2016 e é un dos apoios do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na comarca.