Xogos, obradoiros e contacontos en catro idiomas compuxeron a segunda edición do Divercamp da Laracha

Este venres concluíu a segunda edición do Divercamp, un dos campamentos de verán que organiza o Concello da Laracha dentro da programación municipal, que se desenvolveu desde o pasado luns nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís de 9:30 a 13:30 horas.

Participaron cincuenta rapaces de idades comprendidas entre os tres e os doce anos. Durante os cinco días houbo diversidade de contidos, destacando os contacontos, xogos cooperativos como a busca do tesouro, obradoiros musicais e artísticos e talleres de intelixencia emocional, traballos manuais e robótica. Unha das características do Divercamp foi que as actividades se realizasen en catro idiomas, sendo algunhas delas en galego e outras en castelán, inglés e francés, co propósito de reforzar a aprendizaxe de todas as linguas.

Este venres, no día da clausura, os participantes recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Ensino, Cultura e Deportes, Patricia Bello.

Así conclúe a ampla oferta de campamentos de verán organizados polo Concello e que se veñen realizando desde finais de xuño cun rotundo éxito participativo. Ademais do Divercamp, realizáronse as habituais dúas quendas dos campamentos de Caión, o campamento urbano da Laracha e na principal novidade deste ano, o campamento dixital, houbo que facer finalmente tres quendas para atender todas as inscricións presentadas.

Related posts

O Concello da Laracha adxudica dous proxectos de mellora da rede viaria que suman 183.000 euros

Carballo | A programación de Apego arrinca coincidindo coa Semana da Mobilidade

O PSOE de Coristanco propón ceder terreos para crear unha base de bombeiros forestais no municipio