Xornada de portas abertas na Escola Municipal de Hostalaría de Carballo


O alumnado de cociña da Escola Municipal de Hostalaría superou este venres a súa primeira proba con público, e ademais cun público moi especial, porque estivo integrado por familiares dos alumnos e as alumnas que se están a formar co equipo de profesionais dirixidos por Fernando Agrasar.

A escola decidiu organizar unha xornada de portas abertas antes de iniciar as vacacións de Nadal para que pais, nais, parellas, fillos, fillas e outras persoas achegadas puidesen coñecer as instalacións nas que están a formarse 15 alumnos/as para unha profesión con futuro, ademais de comprobar, cunha demostración práctica, todo o que están aprendendo.

Tocoulles facer de todo: cociñar, empratar, servir e explicar os distintos pratos que formaron parte do menú degustación.

Na xuntanza tamén estiveron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, xunto con outros membros do goberno local. Na xornada de portas abertas participaron, así mesmo, o persoal municipal do edificio e o obradoiro de emprego de carpintería ao completo.