- O vicesecreteario xeral do PSdeG sinalou en Malpica que «A costa galega merece máis investimentos e menos propaganda».
Pablo Arangüena visitou Malpica este sábado, xunto cos tamén candidatos socialistas Noa Díaz, Martín Seco e José Souto, onde mantiveron un encontro co alcalde, Walter Pardo, no que tamén participou o alcalde de Ponteceso, Lois García, onde constataron o “abandono investidor” por parte da Xunta nos portos de titularidade autonómica.
Arangüena puxo o porto de Barizo como exemplo da falla de xestión do goberno galego nunhas instalacións nas que, lembrou, “ademais de competencia ten a responsabilidade” de mantelas nunhas “mínimas condicións”. Considera “incomprensible” que por exemplo manteñan unha grúa inactiva na rampla de Barizo, impedindo a actividade do porto, ou sigan sen mellorar a seguridade na dársena do porto de Malpica a pesares do accidente mortal rexistrado en decembro de 2018.
Lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou, xa en febreiro de 2019, un acordo unánime para mellorar a seguridade no Porto, levar a cabo a dragaxe da dársena, mellorar a iluminación e alargar o espigón e o dique de abrigo”.
Sinalou que os concellos galegos están obrigados a autoxestionarse polo abandono do goberno galego, como é o caso do Camiño dos Faros en Malpica, un “exemplo de autoorganización que saíu adiante sen ningún apoio institucional”. Dende o quilómetro 0 deste intinerario, en Malpica, comprometeuse a “homologalo, promocionalo e ordenalo” dende o goberno galego”.
Sinalou que “fixo máis pola promoción turística da Costa da Morte a iniciativa particular de veciños e veciñas sen apoio institucional da Xunta, como no caso deste Camiño dos Faros, que o goberno galego nos últimos 11 anos”.
Alcalde
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, instou á colaboración do goberno galego para atender ás necesidades básicas do Concello, como é a mellora da seguridade portuaria, o impulso ao parque empresarial ou o apoio ao sector pesqueiro. Reivindicou ademais apoio aos proxectos de saneamento das parroquias, o novo Centro de Día ou o impulso do turismo, sinaladamente coa homologación de seguridade necesaria no Camiño dos Faros.
Debates
Pablo Arangüena criticou por outra banda que o presidente da Xunta se teña “agochado do debate electoral” logo de coñecer que malia que os socialistas propuxeran ata 5 debates nos quince días de campaña, o candidato do PP “só acepta un encontro, no comezo da campaña, entre 7 candidatos e nun medio sometido como é a CRTVG”.
Sinalou que Feijóo “quere escapar do cara a cara co candidato socialista porque sabe que carece de proxecto e non quere dar conta dun balance de xestión demoledor, logo de 11 anos de recorte e privatizacións dos servizos públicos, de fuxida da mocidade e nos que foron destruídos 70.000 postos de traballo” en Galicia.