- A iniciativa, organizada pola confraría de pescadores de Malpica, terá lugar este venres
A confraría de pescadores de Malpica prepara, co apoio da Concellaría de Cultura, unha xornada divulgativa sobre a zamborca e a saboga, coñecidas tecnicamente como Alosa alosa e Alosa fallax. Será este venres, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da confraría.
Na charla darase a coñecer o proxecto Mar de Alosas, desenvolto pola Universidade de Santiago (USC) en colaboración co pósito malpicán, para afondar no coñecemento do medio mariño. O doutor Fernando Cobo e o director David J. Nachón serán os poñentes.
«Sempre loitamos por visibilizar a importante función social, educativa, histórica e científica que desenvolvemos e que na maioría das ocasións non sae a relucir se non é con xornadas coma esta», sinalan desde confraría malpicá. Este estudo está financiado
polo Goberno de España, a Fundación Biodiversidad, a Unión Europea e a Universidade de Santiago de Compostela.