O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, sinalou que a Xunta de Galicia leva anos impulsando, no ámbito social, medidas que facilitan os coidados de maiores e pequenos e a conciliación no rural. Díxoo na Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, que se enmarca nun proxecto de cooperación nos que participan diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Asturias, País Vasco e Galicia. O encontro de hoxe, celebrado na Aldea do Couto e que inclúe unha vista esta tarde á aldea de Infesta (Verín), deu continuidade aos que tiveron lugar en Asturias o ano pasado. A xornada de mañá correu a cargo da directora xeral da Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (Agader), Paz Rodríguez.
Na súa intervención, Jacobo Rey referiuse a dous programas nos que o Executivo autonómico foi pioneiro e que hoxe están plenamente consolidados e teñen unha ampla aceptación: as casas niño e as casas do maior. Ao respecto, sinalou estes recursos non soamente favorecen os coidados e a conciliación, senón que tamén axudan a fixar poboación e contribúen a dinamizar as economías locais.
O director xeral informou que, na actualidade, a nosa comunidade conta cun centenar de casas niño que ofrecen 500 prazas de atención e coidado de menores de 0 a 3 anos totalmente de balde para os pais, e con arredor de 150 casas do maior, que poñen a disposición das familias outras 800 prazas para o coidado dos maiores, tamén gratuítas.
Ademais, Jacobo Rey referiuse á Tarxeta Benvida, axuda directa que a Xunta concede ás familias que deciden ter un fillo para axudalas cos custos que supón a crianza. Este apoio económico é, con carácter xeral, de 1.200 euros anuais, e aumenta un 25% para familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes.
Por último, o director xeral de Familia sinalou que a Xunta traballa porque todas as familias galegas rural poidan acceder aos mesmos servizos e desfrutar das mesmas oportunidades, con independencia de onde vivan.