Xornada sobre boas prácticas en accesibilidade e inclusión na Deputación da Coruña

A deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas, inaugurou este luns na sede da Deputación unhas xornadas sobre boas prácticas en materia de accesibilidade.

Baixo o título «Da diferenza á diversidade», a actividade está incluída dentro do programa provincial Di Coruña Accesible, e durante esta abordáronse tamén aspectos coma a asistencia persoal e os novos retos da inclusión educativa.

Ana Lamas deu a benvida ás persoas asistentes, entre os que se atopaban representantes de entidades, técnicos/as e concelleiros/as de servizos sociais da provincia, e destacou «o firme compromiso da Deputación coa creación de contornas accesibles que favorezan a autonomía plena das persoas con calquera tipo de diversidade funcional física, psíquica ou sensorial».

Neste sentido, Ana Lamas destacou que a través do programa Di Coruña Accesible, no que a Deputación conta coa colaboración técnica de Combina Social, do Grupo Cogami, o goberno provincial completou unha auditoría para detectar as eivas en materia de accesibilidade dos seus diferentes edificios e servizos, e que en 2020 comezará a executarse o plan para a eliminación das diferentes barreiras que aínda persisten para garantir unha accesibilidade universal.

Lamas destacou tamén a aposta do goberno provincial por crear infraestruturas nos municipios que poidan ser utilizadas por todos e todas, a través de programas coma o Plan de Acción Social (PAS) ou o Plan Único (POS+), que financian numerosas obras para a supresión de barreiras arquitectónicas nos concellos da provincia.

Durante a xornada, representantes dos concellos de Oviedo e Porto do Son explicaron as súas experiencias na implementación de plans de mellora da accesibilidade no eido municipal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha