O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira unha xornada técnica sobre os 23 anos de ensaios que cumpre o programa de avaliación de variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia, desenvolvido polo propio Centro. En concreto, o evento desenvolverase o próximo mércores 8 de setembro no campo de ensaio do lugar de Fosado, no concello coruñés de Ordes. En horario de mañá, contará tanto con intervencións como con visita de campo.
Así, a xornada arrancará cunha disertación por parte de María José Bande, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e continuará cunha visita ao campo de ensaio de variedades comerciais de millo forraxeiro. Tamén está previsto que interveñan Fernando Candal, encargado agrario do CIAM, e Rafael Muíños, da Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ordes.
Os interesados en asistir a esta xornada técnica poden poñerse en contacto coa súa promotora, coa investigadora María José Bande, no teléfono 881 881 848