Xornadas de dinamización do sector pesqueiro no Museo do Mar de Laxe


Arredor de 30 persoas participaron nas xornadas de dinamización do sector pesqueiro celebradas no Museo do Mar de Laxe. Estas xornadas enmárcanse nun proceso de animación para a presentación de proxectos, no programa de axudas do FEMP, que está impulsando o GALP Costa da Morte.
Durante o mes de novembro e decembro mantivéronse contactos e reunións en todas as confrarías da zona e asociacións profesionais do sector. Prestouse un asesoramento personalizado e escoitáronse de primeira man as necesidades do sector, de cara a poder darlle encaixe no programa de axuda do FEMP.
Con estas demandas formuláronse as xornadas de Laxe, como un espazo no que procurar a interacción do sector pesqueiro con empresas que traballan en incrementar o valor engadido dos produtos pesqueiros. Deste xeito, contouse con dúas experiencias, relacionadas coa transformación de algas, Algas la Patrona, e coa comercialización do polbo, Pulponor, S.Coop. Galega.
Dende Algas la Patrona púxose énfase nas propiedades saudables das algas como alimento, o cal supón unha vía de diversificación importante para moitas confrarías, tendo en consideración que é un produto que ten moitas potencialidades e aplicacións, que non se circunscriben só alimentaria, xa que poden ser utilizadas en cosmética, tecidos, medicamentos, etc. Dende varias confrarías manifestouse o seu interese por solicitar plans de explotación deste recurso.
Pulponor, S. Coop. Galega, comercializa a marca polbodelonxa, que é un recurso procedente de varias lonxas da Costa da Morte. Este proxecto faise en colaboración coa Confraría de Lira, que é onde se realiza a transformación e paquetización do produto, polbo conxelado sen auga nin ningún tipo de aditivos. Este proxecto reforza a conexión do sector pesqueiro co ámbito comercial, facendo que se incremente o valor engadido do produto dunha maneira participada polas confrarías da zona.
As persoas participantes tiveron a ocasión de preguntar ás poñentes as principais dúbidas sobre a posta en marcha dos seus proxectos, e do que implicou o procedemento e a axuda do GALP. Estas liñas de traballo suscitaron moito interese nas persoas participantes recolléndose tamén, outras ideas de proxectos de valorización da pesca artesanal, concienciación medioambiental, diversificación da actividade de persoas do sector a través da posta en valor do patrimonio e actividades vinculadas co ocio marítimo.
No mes de xaneiro continuarase o traballo de animación co sector pesqueiro, de cara a reforzar e prestar apoio por parte do GALP, cara a vindeiro convocatoria de proxectos, que finaliza o 1 de marzo de 2020.