O Concello porá en marcha este mes a cuarta edición das Xornadas de Promoción da Saúde, unha iniciativa aberta á cidadanía que ofrece información e ferramentas prácticas sobre diferentes cuestións relacionadas co benestar e o coidado da saúde.
O programa desenvolverase durante tres mércores consecutivos, os días 14, 21 e 28 de outubro, con sesións informativas ás 19:00 horas. Todas elas terán entrada libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa.
A primeira xornada será o día 14 na Casa da Cultura da Laracha, baixo o título Coñécete para coidarte. Menopausa e perimenopausa: claves para a túa saúde e benestar. Será impartida por Vanessa Castro Verala, matrona do Centro de Saúde da Laracha, que abordará esta etapa vital e achegará información e recomendacións para favorecer o coidado da saúde e o benestar.
O mércores 21 o programa trasladarase ao Centro Sociocultural de Paiosaco coa sesión Novidades en incapacidade temporal e permanente. María López Fernández, traballadora social da Asociación Española Contra el Cáncer, explicará os principais aspectos relacionados con estas situacións, achegando información de interese para coñecer os cambios e os recursos existentes.
A terceira e última sesión celebrarase o día 28 na Casa da Cultura baixo a denominación Primeiros auxilios na Laracha: aprende como actuar. Brais Lomba Peña, médico especialista en medicina de familia e comunitaria do Centro de Saúde da Laracha, ofrecerá pautas básicas para saber como actuar ante diferentes situacións de emerxencia e primeiros auxilios.
Con esta cuarta edición, o Concello dá continuidade a un programa que aborda cada ano diferentes cuestións relacionadas coa saúde desde unha perspectiva práctica e próxima, facilitando á veciñanza o acceso a información de interese para o seu día a día.
