- Centraranse nas posibilidades de comercialización de produtos, na importancia da produción de calidade diferenciada e o control de pragas
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, desenvolverá os vindeiros 18 e 19 de novembro unhas xornadas técnicas relacionadas coa horta na Casa da Cultura da Laracha.
«O noso municipio foi un dos escollidos para a celebración destas xornadas por tratarse dunha das principais zonas deste tipo de produción», sinalan desde o Concello, que tamén colabora nestas actividades que teñen por obxecto dar a coñecer as posibilidades de comercializar produtos agroalimentarios e concienciar aos participantes sobre a importancia de producir no marco da calidade diferenciada. Tamén se abordarán cuestións como a certificación das producións de horta a nivel estatal.
As xornadas, cofinanciadas con fondos FEADER ao 75%, complementaranse con aspectos máis técnicos relacionados coa saúde dos solos, co emprego sustentable de produtos fitosanitarios e co control das pragas e enfermidades que afectan ás producións hortícolas.
As persoas interesadas en participar poden anotarse de xeito gratuíto no departamento de Emprego do Concello.