O Festival Internacional Outono de Teatro e Ainé Producións lamentan comunicar a cancelación da estrea absoluta do espectáculo Territorio Regueifa esta fin de semana –o venres 3 e o sábado 4 de outubro– no Pazo da Cultura de Carballo. O espectáculo sería o encargado de abrir o Programa de Sala da 34ª edición do festival, pero non será posible por mor dunha baixa médica imprevista dun dos compoñentes do elenco. Tendo en conta a condición de protagonistas dos tres membros do reparto e dada a singularidade do seu perfil artístico, coas particularidades do traballo que realizan como regueifeiros e a data na que nos atopamos, a apenas tres días da estrea do espectáculo, a posibilidade de facer unha substitución non é unha opción viable que poida garantir a calidade da proposta que todos esperabamos presentar ante o público.
O FIOT mantén o seu compromiso de coprodución da obra e reprogramará a estrea de Territorio Regueifa en Carballo cando a compañía poida retomar o traballo e as condicións humanas e técnicas de todos os axentes implicados así o permitan. Máis adiante, informaremos a todos os públicos das novidades en torno a nova data desta agardada estrea.
Entradas proximamente en Ataquilla.com
Mentres, coa fin de ofertar ao público do FIOT una proposta alternativa e atractiva e que o teatro non cese en Carballo neste mes de outubro, o festival decidiu programar este venres, 3 de outubro, no Auditorio Pazo da Cultura, ás 21.00 horas, o espectáculo Aquí tou!, un monólogo de Xosé A. Touriñán, da man da mesma produtora de Territorio Regueifa, Ainé Producións.
Os abonados do FIOT poderán asistir co seu abono a esta nova función se así o desexan, sen ter que realizar ningunha outra xestión. No caso de non estar interesados, poden solicitar a devolución do importe proporcional desta obra no marco do seu bono ata media hora antes do inicio da función a través da plataforma Ataquilla.com ou na billeteira do teatro, e procederemos a realizar o reembolso pola mesma vía na que o pago foi realizado.
O público xeral que estea interesado en acudir a esta nova función –Aquí tou!, un monólogo de Xosé A. Touriñán, o venres 3 de outubro, ás 21.00 horas, no marco do #FIOT34–, poderá adquirir as súas entradas proximamente a través da plataforma Ataquilla.com e na billeteira do Pazo da Cultura, o mesmo día da función, desde 90 minutos antes do seu inicio, no caso de que houbera dispoñibilidade de butacas. Moi pronto informaremos de cando se activará a venda en liña a través de Ataquilla.com.
O FIOT lamenta ter que cancelar, tamén, a función escolar de Territorio Regueifa dentro do seu programa FIOTeen, inicialmente prevista para este venres, 3 de outubro, ás 11.00h, así como a celebración da sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, axendada para o sábado, 4 de outubro, ás 12.30 horas, no Pazo da Cultura, que tampouco poderá ter lugar.
Para calquera consulta, o FIOT pon a disposición do público o correo electrónico <info@fiot.gal>.
Desde o festival e a produtora deséxanlle ao artista unha pronta recuperación.